3
Cómo mercar un coche … ou non

En moitas cidades como Nova York ou Boston, ter un coche é máis unha incomodidade que un beneficio, debido ás dificultades de aparcadoiro e ó pouco uso ó ter ben organizado o servicio público de transportes. Pero na maioría dos Estados Unidos ter un coche é imprescindible para ir ó supermercado, ó banco ou á Universidade. Hai que darse conta de que en xeral, o sistema de transporte público esta moito menos desenvolvido que en Europa(algunhas veces é inexistente) e as distancias moito maiores.

Polo tanto, moitos estudiantes mercan un coche de segunda man. Segundo o modelo, a antigüidade, a quilometraxe e a condición do coche, o prezo pode variar entre uns poucos centos e moitos miles de dólares. Aínda que xa a partir duns $3.000 pódese mercar un coche con bastantes garantías.

A diferencia de Galicia, nos Estados Unidos existe un mercado de segunda man moi activo. Hai moitos anuncios de vendas de coches por particulares en periódicos, taboleiros de anuncios, etc. Os vendedores profesionais de coches usados (os dealers) teñen moi mala sona na sociedade americana, pero os plans de financiamento, adoitan ser mellores que se mérca-lo coche a un particular e, ás veces, as garantías duran varios meses.

Se o que queres é mercar un coche novo, conta con gastar máis de nove ou dez mil dólares.

O prezo da gasolina varia moito entre estados. En xeral, e a agosto do 2002, os prezos variaban entre $1.40 e $2.20, o galón estadounidense (3,78 litros). Hai moitas gasolineiras e liberdade á hora de poñer prezos, polo que existe unha enorme competencia entre elas. O usuario é quen serve a gasolina, agás en catro estados onde é obrigatorio que haxa operarios que o fagan.