6
Billetes de avión para Galicia

Os prezos para voar en Nadal a Galicia son bastante caros (a partires de $600 e $1000, en 2002), así que o mellor é reservar con moita antelación, mesmo en Xullo ou Agosto. As épocas máis baratas son desde outubro á primeira quincena de Decembro, e desde a segunda quincena de Xaneiro ata Abril ou Maio, onde un voo pode valer menos de 300 dólares.

Iberia, Air Europa e Spanair son as tres compañías que operan entre Galicia e Estados Unidos e nelas pódese atopar máis información de utilidade para organiza-la viaxe canto antes. Ademais hai axencias especializadas en viaxes para estudiantes, como Council Travel ou STA Travel, nas que se poden conseguir billetes a prezo reducido. Tamén existe a posibilidade de voos chárter a diferentes destinos americanos. Son menos fiables, pero máis baratos.

Voar ata Oporto é outra opción interesante pola súa proximidade e porque máis compañías ofrecen un maior número de voos. Mesmo algunhas empresas ofrecen servicio de taxi ata Galicia desde a cidade portuguesa.

Cabe destacar que existe unha axencia de viaxes especializada en voos a Galicia. Chámase Nosa Terra Travel e está en Newark (New Jersey). A persoa de contacto é Lourdes, unha señora de Ribadavia, e o seu teléfono (212) 645 3611.

Tamén hai ofertas puntuais para voar a Europa dun xeito máis barato (menos de $300), que son anunciadas por correo electrónico ou en webs das compañías. Posiblemente terás que voar á seguinte fin de semana e a estancia máxima será limitada a uns poucos días. Un sitio onde podes ler bastante destas ofertas é Web Flyer.