5
Cómo viajar dentro do Reino Unido sin gastar moito

Conducir no Reino Unido é bastante doado e máis seguro que en Galicia, aínda que primeiro hai que acostumarse á situación do volante á dereita e que se conduce pola esquerda. O carné de conducir español é válido no Reino Unido. Conducir en Londres non vale a pena, tendo en conta a constante conxestión existente, o custo de aparca-lo coche no centro londinense e a boa calidade dos servicios de transporte público (aínda que sexan caros).

A gasolina custa ó redor dun 35% máis que en Galicia e o diesel é menos habitual nos coches.


1. Transportes públicos

O tube (metro) de Londres, malia ser caro, é o xeito máis popular e rápido para andar pola cidade. O sistema é o máis antigo e estendido do mundo, con case 400 estacións. A cidade está dividida en seis zonas, co centro da cidade na zona un. O metro funciona desde aproximadamente as 05.30 ata as 00.30, momento a partir do cal funcionan buses nocturnos. Os buses son máis baratos pero tardan bastante máis tempo.

O Travelcard é a maneira máis barata de andar e permite ir por determinadas zonas no metro e o autobús durante un día enteiro. Un billete sinxelo custa 1.50 libras para as zonas 1 e 2 , e 3.50 libras para tódalas demais zonas, mentres que para o autobús custa unha libra na zona 1 e 70 peniques en tódalas demais zonas. Se se van realizar varios traxectos é mellor mercar un travelcard, aínda que por semana non se pode comprar antes das 9.30. Tamén se poden mercar carnets, libros de 10 billetes sinxelos (11 libras). Se se van utiliza-los transportes públicos a cotío, a mellor opción é mercar un travelcard por unha tempada determinada, unha semana, un mes ou calquera duración ata un ano.

Os buses nocturnos non son nada frecuentes e é normal que che acompañe xente bébeda e a punto de debrocar. Tamén é bastante frecuente, tendo en conta a duración das viaxes, quedar durmido no autobús, pasar de parada e acabar no quinto piñeiro.

Londres ten dous tipos de taxi,os clásicos cabs ou black cabs, negros, que son moi caros xa que poden cobrar unhas 50 libras por unha viaxe de media hora desde o centro ata a zona 3, e son conducidos por taxistas que non paran de falar. Recentemente, a Oficina de Turismo de Gales queixouse de que os visitantes americanos esperaban ver á xente vivindo en covas debido ás lendas que escoitaron ós taxistas.

Tamén hai taxistas que esperan durante as noites nas saídas dos bares e pubs e nos currunchos. O inconveniente é que estes conductores non adoitan ter seguro para levar pasaxeiros,moitas veces levan fumando varios porros e case nunca saben como chegar ós sitios. O bo é que custan a metade que os black cabs, son doados de atopar, pódese regatear o prezo e non andan contando lendas.


2. Voos domésticos

A maioría das distancias no Reino Unido son curtas. Aínda así viaxar en avión é a maneira máis rápida e, ás veces, máis barata de viaxar a sitios como Edimburgo, Glasgow ou ás Illas Normandas. As compañías máis baratas son Easyjet, Go e Ryanair, aínda que cabe lembrar que as liñas máis baratas voan desde os aeroportos de Stanstead e Luton,que están algo máis lonxe do centro londinense, que as de Heathrow e Gatwick.


3. Tren e autobús

A compañía de autobuses National Express Express ten rutas a varios puntos do país e son bastante máis baratos que os trens, aínda que tardan máis e son menos frecuentes. Os estudiantes poden obter unha tarxeta National Express, que dá dereito a descontos do 30% por 8 libras.

Os trens do Reino Unido son carísimos e moitas liñas utilizan trens dos anos cincuenta. Desde a privatización dos ferrocarrís e a súa división en varias compañías, o sistema de información é pouco útil. Convén chamar polo menos dúas veces para asegurarse da información obtida.

Se se van facer varias viaxes durante un ano convén obter ou unha tarxeta Network Card, que dá dereito ó 33% de desconto na maioría de viaxes despois das 10:00 no sur de Inglaterra. Custa 20 libras por un ano e os descontos son válidos para un máximo de catro acompañantes. O Young Person´s Railcard ofrece os mesmos descontos e é válido para menores de 25 anos e estudiantes; custa 18 libras e serve para obter descontos en todo o país.

Existe un servicio de información ferroviaria no teléfono 0345 484950.


4. Outras formas no convencionais

A práctica do autostop (hitch-hiking) no Reino Unido polo xeral non está ben vista e é menos frecuente que en Galicia.