Estimado/a compañeiro/a:

 

Ante todo advertir que estas liñas que seguen baséanse unicamente na miña experiencia, polo que ten en conta tódalas peculiaridades e limitacións que isto conleva. Chámome Miguel Alonso, son médico e estiven en Londres entre setembro de 1999 e agosto de 2000 facendo un máster en Neurociencia Clínica, no Institute of Neurology do University College London (UCL)

 

¡Benvido a Londres!. Londres é unha cidade fascinante, chea de actividades de movemento, tamén de días nubrados, de nervios, de litros de té e de ir ás presas no metro. Prepárate para un ano inesquecible e de gran desenrolo profesional e persoal se cho propoñes. Pero ¡ollo! Tamén Londres pode amosa-lo seu lado duro e se non vas un pouco orientado poden xurdir algúns contratempos

 

 

ELIXINDO UNIVERSIDADE

 

Se aínda non estás seguro a qué universidade ir de tódalas que se che ofrecen é interesante que fales con xente da túa especialidade da asociación de bolseiros, sobre todo os que estivesen no Reino Unido. Como a miña experiencia foi unicamente no Institute of Neurology (UCL) só podería comentar de xeito un pouco fiable neste eido.

 

Algo que creo importante é que botedes unha ollada ó RAE (Research Assessment Exercise) unha especie de ránking de departamentos das universidades británicas. (http://www.hero.ac.uk/rae/Results/). Nesa páxina hai links para entende-lo sistema de avaliación que usaron, así como a escala (as cualificacións son en orde descendente, 5* -o máximo- logo 5, 4, 3, 2...) Tede en conta que (se non se fixo outro RAE desde entón) algúns departamentos poden cambiar desde entón

 

ELIXINDO ALOXAMENTO

 

Aínda que hai moitos xeitos de aloxardes en Londres, eu aconsellaríavos ir a unha residencia, pero aquí me meto nunha cuestión que pode ser moi persoal. Hai xente que prefire vivir nun piso só ou compartido. Dentro das residencias hainas que son da universidade (en xeral son mellores e máis baratas) ou privadas (peores e máis caras, aínda que pode haber excepcións). O tamaño da residencia tamén determinará un pouco o número de facilidades que teña (salas de estudio, de TV, vídeo, ximnasio, squash, etc...) e tamén o ambiente será bastante diferente. Un punto crucial é o de elixi-la residencia con ou sen comida (as residencias que teñen comida  chámanse halls). Desde o meu punto de vista, trala selección da universidade, o aloxamento é o máis importante. Disto dependerá en grande parte que te sintas ben na cidade, estudies e rendas ben e fagas unha boa xestión co diñeiro da bolsa (Londres pode chegar a ser extremadamente caro se se che van as cousas das mans). Facendo un ránking eu poñería  a situación da residencia como factor máis importante a ter en conta á hora de elixir. En Londres podes perder moito diñeiro en tarxetas de metro e moverse en metro ou bus a horas punta é bastante atafegante. Se elixes unha residencia que quede preto do lugar onde estudias e se ademais está relativamente preto do centro terás unha excelente combinación. ¡Aínda que pareza mentira, Londres pódese patear bastante sen recorrer moito ó transporte estando estratexicamente colocado! Se recorres  a un piso, os prezos serán desorbitantes no centro, onde se atopan algúns dos principais Colleges da universidade de Londres, como UCL, LSE, King`s, Imperial, SOAS, etc... Ademais, a calidade dos pisos en xeral deixa moito que desexar. Se  vas lonxe para atopar un piso máis asequible non esquezas que terás que usar transporte a cotío e sae bastante caro e perderás máis tempo. Se o teu College está fóra da zona máis céntrica, probablemente un piso resulte unha opción a ter en conta.

 

Outro punto importantísimo é o que na residencia cohabiten posgraduados e estudiantes de carreira (undergraduates) ou sexa só para pos graduados (graduates). Os undergraduates adoitan ser bastante barullentos e se vives rodeado deles buscar un ambiente tranquilo pode resultar imposible. Moitas residencias son mixtas (ou sexa, undergraduates e graduates) pero se tende a afasta-la xente por zonas (infórmate, este punto é moi importante). A verdade é que hai moitísimas posibilidades de aloxamento. Eu elixín un hall. Os halls, como vos dicía máis enriba, son residencias nas que te-lo almorzo e a cea incluídos e nalgúns casos a fin de semana tamén se inclúe o lunch ( a todo isto, por se algún non o sabe aínda, os horarios de traballo alí son de 9 a 17 e ó redor das 12 paras un rato para tomar un lunch, que adoita ser un xantar lixeiro ou un sándwich). O tema da comida é un punto que crea moita discusión e ante todo é moi persoal. Por suposto que a comida que dan na residencia dista bastante de se-la ideal, pero ¡imaxina o que vas agradecer, cando a medida que avance o curso e esteas cargado de traballo, téña-la comida resolta tódolos días ó ergueres e ó chegares á casa!. Ademais, ten en conta una cousa adicional: os comedores son os lugares das residencias onde podes establecer máis contacto coa xente doutras carreiras, doutros países e ós poucos vas formando o teu grupo de amigos. Todo isto, a auténtica vida universitaria británica, vas perdela se vives nun piso. A residencia onde eu estiven chámase International Hall. Queda en Russell Square, xusto ó carón de onde estudiaba (Queen Square). O feito de estar case en fronte do lugar de traballo facilitoume moitísimo as cousas e fíxome aforrar unha morea de tempo e cuartos en desprazamentos. Esta residencia é enorme, hai uns 500 estudiantes, tanto undergraduates coma graduates. A pesar disto afástanos. Non hai baño nin lavabo no cuarto, pero a residencia está bastante ben en comparación con outras (os baños, duchas e bañeiras están bastante limpos).  International Hall é unha das residencias máis dinámicas do mundo universitario de Londres. Hai xente de case todo o mundo e é doado facer bos amigos porque hai moita xente que está na mesma situación que ti e que tamén é o seu primeiro ano no Reino Unido. Por suposto, todo dependerá do grao en que ti te impliques cos teus veciños, etc. Se queres ir máis de independente, tamén é posible. Esta residencia ten pub, billar, salas de música, salas de estudio, salas de TV, sala de vídeo e pista de squash, ademais das salas de lavandería-secado (funcionan con moedas) e pasado o ferro. En canto á comida, o menú é bastante variado no sentido de que hai sempre varias opcións e unha desas é vexetariana. Ás veces, se chegas tarde tes que conformarte co queda porque se acabaron as outras opcións. Os almorzos son moi bos, con bastante variedade e sempre podes elixir cousas moi inglesas como beans, ovos con touciño, etc...Durante a fin de semana a comida non adoita estar ben. Moita xente aproveita e vai de paseo por Londres e non toma o lunch na residencia. Desde logo sempre podes pasar e comer fóra cando a comida do hall xa che farta un pouco. Ademais, cada grupo de 20 habitacións aproximadamente dispón dunha pequena cociña que –ollo- só ten microondas, neveira e lavadoiro e no caso de apuro podes gardar un chouriciño da terra, pero ben escondido porque en non poucas ocasións hai chourizos polas neveiras, pero dos outros... Se algún día non podes chegar a tempo a cear (os horarios alí son de 18 a 19:15) podes reservar esa mañá unha packed meal, que consiste nunha bolsa de comida fría cun bocadillo, froita, unhas patacas fritas e un zume.

 

Outro punto importante é que as residencias da universidade non che renovan se tes que estar máis dun ano (polo menos isto pasaba coa miña e creo que é a regra xeral). Se vas estar máis tempo estudiando en Londres (por exemplo, se vas facer un MPhil ou PhD) e queres permanecer na residencia un segundo ano ou máis, métete no Club, que é como unha asociación de residentes que son os que organizan as festas, reúnense co Warden (director da residencia) e esas cousas. Polo que eu puiden ver non hai que traballar moito e vale a pena porque isto case asegúrache a renovación. Doutro xeito, o segundo ano é moi difícil encontrar aloxamento en residencias da Universidade e terás que ir a sitios máis caros e peores...

 

Un último consello, unha residencia está chea de  xentes de todo o mundo. Algúns percorreron miles de miles de quilómetros, enormes esforzos e odiseas para chegar alí. É como estar nunha pequena representación do mundo. Aproveita tamén esa oportunidade. É unha grande experiencia humana e creo que é tamén moi importante ese ambiente, ó relacionares con xente doutras carreiras e faceres vidiña tamén na residencia. Pensa que Londres pode chegar a ser para calquera unha cidade dura e non poucas veces necesitarás charlar con compañeiros coma ti e compartir experiencias, así como tamén ás veces outros necesitarán palabras de ánimo. Ademais, pode que os teus compañeiros de máster pasen de facer vida social. Algúns no meu eran bastante maiores e outros estaban casados e non estaban moi interesados en saír ou quedar para barullar, así que podes encontrarte un pouco decepcionado e só. Nese caso, a residencia pode chegar a compensar enormemente. Algunhas residencias grandes teñen os seus propios pubs e organizan festas e outro tipo de actividades como concertos, recitais de música, debates, etc...

Algúns dos bolseiros que estivemos en Londres vivimos en residencias. Falade con nós e cada un contarávo-la súa experiencia no lugar determinado.

 

¡Por certo! un plano de Londres on-line que está moi ben –pero se non  atopades unha rúa- é:

 

http://www.streetmap.co.uk/

 

LONDRES: CANDO CHEGAS Á MOLE

 

Para chegar ó centro de Londres non collas taxi desde o aeroporto ata a cidade, porque che sairá por un pastón... Hai xente que chegou a pagar ata case ¡100 libras!. O máis rápido, (30-45 minutos aproximadamente) é colle-lo metro. Se levas unhas libras soltas (moedas) no peto poderás merca-lo ticket nunha máquina e así evita-las grandes colas que adoitan formarse fronte ós despachos de billetes manuais á entrada da boca do metro de Heathrow. Tamén prepárate se tes que atravesa-la cidade por liñas concorridas como a de Picadilly ou a Central a horas punta (5-6 pm), cando a xente sae do traballo: podes sufrir todo tipo de esmagamentos tanto de todos los currunchos do teu corpo como da túa maleta e chega a ser un agobio. Se evitas que o teu voo chegue a esas horas terás unha viaxe en metro máis sosegada. Unha opción máis tranquila, pero menos rápida, é coller un autobús desde Heathrow que ten varias paradas pola cidade. Hai varias liñas. Mostrando o carné de estudiante custa máis ou menos como o metro. O mellor é consulta-lo punto de información correspondente no aeroporto e atopa-la liña que sexa máis adecuada. Outras opcións son un tren rápido que creo que chega a Victoria Station pero nunca o collín.

 

CURSOS DE INTRODUCCIÓN DAS UNIVERSIDADES

 

Normalmente as universidades organizan cursos introductorios para os alumnos que chegan novos. Aínda que non son gran cousa e fartaraste de ver desfilando e soltando discursos a toda a burocracia do teu College, tamén teñen o seu lado interesante. Eu fun o ano pasado ó que organizou UCL e creo que valeu a pena. Primeiro porque adoitan incluír no programa viaxes que  fan os guiris en Londres: percorridos nos buses de dous pisos, rutas en autobús pola cidade ou mesmo unha viaxe en barco polo Támesis. Parecerache unha chorrada e podes dicir: eu paso disto. Pero no meu caso foron case os únicos días nos que realmente fixen turismo en Londres. Unha vez que o curso está en marcha o tempo pasa voando e non te estrañes se logo non che queda moito tempo para esas cousas. Logo podes mesmo poñer roibo se tes algunha visita e se te ves obrigado a facer de guía nunha cidade que case non coñeces... No meu curso de introducción tamén houbo festas e nunha delas coñecemos algúns dos que iamos ó mesmo máster. Curiosamente, ese grupo de xente que atopei na festa resultou ser co que máis relación tiven durante o curso. Tamén atoparás xente coa que andas eses días e que logo non a volves a ver porque están noutro departamento da universidade.

 

A FRESHER’S FAIR E AS SOCIETIES

 

Os primeiros días do curso non debes faltar á chamada Fresher’s Fair, que é unha especie de exhibición de tódalas asociacións (Societies) que están na universidade. É alucinante as distintas e surrealistas que poden chegar a ser... Algúns intentarán convencerche de que te fagas socio. Non é moi caro, unhas cinco libras como máximo. O caso é que moitas desas Societies non funcionan moi ben e iso é algo que debes saber para non gastar moito diñeiro facéndote socio de asociacións case fantasmas. No meu caso, UCL, eu fíxenme socio de varias asociacións musicais. Formei parte do coro de UCL da Music Society e tamén da Chamber Music Society. O do coro foi unha experiencia moi interesante. Cantámo-lo Mesías de Haendel nunha igrexa de Chelsea, acompañados coa orquestra tamén de alumnos de UCL e gravamos un CD. O diñeiro recadado no concerto foi parar a causas benéficas. Ensaiamos 3 horas á semana sacando cando se achegou o concerto que case tiñamos ensaios tódolos días. A maioría dos compoñentes do coro eran undergraduates de primeiro ano pero eran bastante boa xente. Eu despois do Mesías deixeino porque estaba moi cheo de traballo. Na primavera de 2000 mesmo prepararon unha ópera e representárona no teatro da universidade, o Bloomsbury Theatre. Foi todo un éxito. Desde logo, se o teu hobby é a música e estás en UCL tes moitas posibilidades para ocupa-lo tempo libre nisto. Tamén formei parte da Postgraduate Medical Society, que organizaba conferencias de médicos e investigadores de grande prestixio e foron do mellor que oín xamais. O bo é que os poñentes compartían as súas experiencias, daban bos consellos e podías falarlles de ti a ti mentres tomabas o típico cheese and wine.

 

BANCOS

 

Eu de bancos entendo bastante pouco porque non é o meu. Quizais unha boa persoa para falar de bancos en Londres que está por aquí é Diego Varela. Tamén Óscar Rama, que estivo en Londres e que está agora mesmo no Banco Pastor. Na miña experiencia, os bancos ingleses pórtanse ben cos estudiantes. Debes abrir unha conta tan pronto como chegues e ingresa-lo cheque que che dá o British Council. Estudia ben onde mete-los cuartos, porque os bancos ofrecen galanos por abrir unha conta (veralo en Fresher’s Fair) e tes que ver tamén outras cousas que che conveñan, como a proximidade dos caixeiros ás zonas da cidade que vas frecuentar máis (isto é moi importante). O ano que estiven eu, Barclays ofrecía ós estudiantes por abrir unha conta un cheque para mercar na cadea de librerías Waterstone’s por valor de 25 libras ou algo así. No National Westminster ofrecían in discman. Unha cousa moi importante alí é que podes te-la túa conta en números negativos ata unha cantidade que é bastante alta (mesmo máis de 100 libras) sen que haxa ningún problema, sen que che cobren interese ningún ou haxa outro tipo de penalización. Iso está moi ben porque podes necesitar diñeiro nalgunha situación de emerxencia. Eu estiven no Barclays e quedei moi contento.

 

OCIO E COMPRAS EN LONDRES

 

Comer ben e barato pode resultar difícil. Aquí vos comento algúns lugares que eu frecuentaba para comer e están bastante ben.

 

Wagamama

 

É unha cadea moi coñecida de restaurantes xaponeses. A comida está moi ben e o prezo é razoable, (unhas cen libras). O Wagamama special ou algo así é o meu favorito.

 

http://www.wagamama.com/indexb.html

 

¡No Wagamama que está a carón do British Museum fixemos unha reunión de Bolseiros!

 

Pizza Express

 

É unha cadea de restaurantes italianos –sobre todo de pizzas- que teñen locais por todo Londres con ambientes moi agradables, ás veces tamén hai actuacións nalgúns

 

http://www.pizzaexpress.co.uk.indexf.htm

 

Pizzería Spagheteria II Bacio

 

61 Stoke Newington

Church Street n 16

Aquí poñen unhas pizzas moi ricas e son enormes. Só por ve-lo espectáculo das pizzas xigantes desfilando o teu redor vale a pena. De prezo está bastante ben. Chégase en autobús (creo que a liña é a 73, pero non estou seguro)


Goodfellas

 

Está en Lamb’s Conduit Street pero non lembro o número. É unha rúa moi percorrida polos traballadores da zona que queren comer quente á hora do lunch. Se non vai mal tempo hai terrazas pola rúa e o ambiente á hora de comer está moi ben. Aínda que non é moi económico para ir tódolos días vale a pena ir de cando en vez para tomar lunchs á española se o teu lugar de traballo está preto. Tamén hai bocadillos e comida para levar. Enriba se colle a comida e abaixo hai unha sala moi bonita con sofás onde sentas para comer e o ambiente é moi agradable.

 

Ciao Bella

 

Este é un moi bo restaurante italiano. Está tamén en Lamb’s Conduit Street, preto do cruce con Guildford Street. O prezo é razoable pero se pides viño pode saír un pouco caro. Ás veces ten música en vivo.

 

 

Hare and Tortoise Noodle Bar

 

Está no Brunswick Shopping Centre (a carón da parada de metro de Russell Square). É un lugar para comer comida oriental cunha excelente relación calidade-prezo. O Chicken-Chow-Mein era un prato moi recorrido por min, tamén o resto dos japanese udon. Se pedides tap water non vola cobran e só pagáde-la comida (por ex. 3.75 libras aprox. o Chicken-Chow-Mein). O té chinés tamén está ben. é un lugar moi recorrido para os estudiantes do International Hall cando a comida do hall non se pode aturar. En Chinatown hai moitos restaurantes pero só fun a dous alí. Na miña experiencia o Hare and Tortoise Noodle Bar é o de mellor relación calidade-prezo na zona de Londres que me movía.

 

Para tomar un bocadillo ou comida quente  a moi bo prezo podedes ir a un pequeno bar rexentado por italianos (non lembro o  seu nome) que está nunha pequena rúa que une Bernard Street e Guilford Street, á altura da saída dun rueiro chamado Colonnade (está fronte a un dos laterais de International Hall).

 

Para relaxarse sen moverse moito do centro da cidade podedes dar paseos polos magníficos parques que ten Londres. Se ademais vai bo tempo e é fin de semana haberá moita xente paseando, tumbada ó sol, facendo pic-nic, xogando na herba, etc... Se está moi ben. Se buscades fuxir un pouco de parques masificados podedes ir a Hampstead Heath, que é unha especie de anaco de campo case salvaxe con varios lagos naturais nos que hai mesmo quen se baña. É moi relaxante ir pasear por alí a fin de semana, contempla-la panorámica de Londres desde  o outeiro e, de volta, tomarse unhas pintas en Hampstead, un sitio moi pintoresco.

 

Para facer deporte podedes ir a ULU (University of London Union), o edificio do club da universidade de Londres, que está en Malet Street, onde hai moitas posibilidades para practicar diversos deportes. Ten tamén unha piscina cuberta de 50 metros. Tamén hai varias tendas no andar baixo, unha axencia de viaxes, unha papelería, así como salas onde de cando en vez hai mercadiños de libros ou CDs e varios pubs (isto nos andares de enriba).

 

http://www.ulu.lon.ac.uk/

 

Se vos gusta a música podedes segui-la programación das salas de concertos por internet, merca-los billetes e mándavolos á casa. Sempre adoita haber entradas para estudiantes que saen a moi bo prezo e a verdade é que en Londres podes ver doadamente actuacións de xente moi importante.

 

En internet podedes mirar:

 

http://www.barbican.org.uk/

 

O Barbican é un complexo de ocio cultural na que hai unha grande sala de concertos. Aquí podedes ver toda a programación.

 

http://www.hayward-gallery.org.uk/

 

O Royal Festival Hall e a Hayward Gallery.

 

http://www.bbc.co.uk/proms/

 

Os proms son un auténtico fenómeno en Londres. Son concertos de música clásica que se realizan no Royal Albert Hall entre verán e outono.

 

http://www.timeout.com/london/

 

TimeOut é a mellor revista onde podedes encontrar todo o que vai ocorrer en Londres cada semana. Vale a pena mercala (a versión escrita) se veñen a visitarte para estar un pouco informado de todo tipo de actuacións, teatro, musicais, exposicións e museos.

 

En Londres podedes atopar todo tipo de música. Hai clubs de jazz alucinantes no Soho. Se sodes forofos do jazz estades de sorte porque hai moito onde elixir. Aínda que algúns clubs de jazz son caros se vos pode compensar saca-la tarxeta de socio para todo o ano e obteredes bos descontos.

 

Os mercados son unha boa opción de ocio para as fins de semana. Hai moitísimas cousas e só o espectáculo xa vale a pena. Ademais, neles hai moitos postos que venden comidas de países moi variados e podedes ir toma-lo lunch alí. Candem Town é un lugar moi alternativo e colorista. Portobello adoita estar cheo de turistas pero tamén é interesante, sobre todo se vos gusta as antigüidades.Un traxecto que a min persoalmente me gustaba face-los domingos pola mañá é un no que poderedes ver tres mercados (moi diferentes cada un) dunha tirada. O primeiro mercado deste percorrido é OldSpitalfields Market ( a carón de Liverpool Street), logo atravesades por Fournier Street e chagades ó segundo, o mercado que se esparexe por toda a rúa de Brick Lane e as súas perpendiculares. Subindo por esta rúa e continuando un pouco chegades ó terceiro mercado, un de plantas e flores cheo de numerosos lugares para vexetarianos, nunha parte de Columbia Road.

 

Un bo sitio para mercar algunhas cachifalladas que necesitedes para a vosa habitación, como por exemplo un kettle é a cadea de tendas Argos. Son tendas moi curiosas. Hai unha en Oxford Street á altura do cruce de Charing Cross.

 

http://www.argos.co.uk/

 

Supermercados. O Safeway é un supermercado con bos prezos. Hai un en Brunswick Shoopping Centre. Teñen horarios amplos. A horas máis intempestivas aínda podes atopar aberto o Hart’s the grocer.

 

Librerías. A variedade de libros que se poden atopar en Londres é enorme. Dúas librerías que teñen unha enorme oferta de libros universitarios son Waterstone’s e Blackwells. Tamén Foley’s, que está en Charing Cross.

 

http://www.waterstones.co.uk/ (a mellor está fronte a ULU)

 

http://www.blackwells.co.uk (está en Charing Cross)

 

Sen dubida para ir mercar libros o mellor é ir a Charing Cross. Alí, aparte das librerías que vos nomeei, hai tres librerías de libros de ganga. Chámanse Bookcase e Bookends e están case seguidas en Oxford Street. Varias veces ó ano traen libros moi bos, por exemplo de Oxford University Press e similares, que son restos de stocks e podedes atopalos a auténticos prezos de ganga. Tamén teñen diccionarios de inglés grandes a moi bo prezo. ¡Ah! Non esquezades mercar un Thesaurus para enriquece-lo vaocabulario dos vosos essays.

 

 

¡MOITÍSIMA SORTE E A POR TODAS!

 

Se necesitades algo non dubidedes en contactar comigo, quizabes nos vexamos na xornada de orientación de bolseiros.

 

Miguel Alonso

miguelalonso2000@hotmail.com

tel. 653639055 / 986460357